Lenovo presenta unhas lentes que serven de pantalla persoal

xoves, 1 de setembro do 2022 Marcus Fernández

No marco da feira IFA de Berlín o fabricante chinés Lenovo presentou as súas lentes T1, que non buscan ser unhas lentes de realidade aumentada, senón simplemente funcionar como unha pantalla externa persoal, polo que pode ser axeitada para múltiples escenarios.
As Lenovo T1 Glasses teñen o aspecto dunhas lentes de sol un tanto grosas, que albergan un par de pantallas micro OLED (unha para cada ollo) con resolución Full HD e unha velocidade de refresco de 60 Hz, e con altofalantes nas súas patillas (incluíndo unha das mesmas controis do nivel de volume).
Estas lentes reciben o sinal a través dun porto USB-C que pode conectarse a un smartphone de certa potencial (como móbiles Motorola cun procesador Qualcomm Snapdragon a partir da familia 800, ou dispositivos con iOS) ou a un ordenador portátil (con Windows ou macOS) que serían os que realmente procesarían o vídeo que amosan.
Estamos ante un accesorio que pode empregarse para gozar de experiencias persoais máis inmersivas que a pantalla dun portátil ou dun móbil, ou para poder consultar información de xeito privado. Chegarán ao mercado chinés a finais de ano e a outros mercados o ano que vén, cun prezo aínda por determinar (e que pretenden que estea por debaixo dos 500 dólares).

JPEG - 49.9 KB
As lentes integran un par de pantallas micro OLED

PUBLICIDADE