Lérez Up regresa a Pontevedra cunha quinta edición chea de novidades

martes, 21 de abril do 2026 S. P.

Participantes na anterior edición da Lérez Up nunha imaxe de Gabriel Pardo

Pontevedra acollerá unha nova edición da Lérez Up, o salón do videoxogo e da cultura friki da cidade, que terá lugar os días 12 e 13 de setembro de 2026 no Recinto Feiral. Organizado por Gaming Troop en colaboración co Concello de Pontevedra, o evento preséntase novamente como “un espazo de encontro para públicos de todas as idades, reunindo a familias, mocidade e persoas adultas interesadas nos videoxogos, o Cosplay, a cultura xaponesa e o lecer alternativo”, segundo informou a organización.
Engaden que “esta quinta edición chega con novas propostas e espazos renovados pensados para ampliar a experiencia do público”.
A imaxe do evento está representada nun cartel ilustrado pola artista galega Tomotoad, xa difundido nas redes sociais do evento, no que se inclúen diferentes elementos que avanzan parte dos contidos desta edición.
Entre as primeiras actividades confirmadas destaca o torneo nacional de Super Smash Bros Ultimate, co prazo de inscrición xa aberto. As entidades organizadoras explican que esta competición “converteuse nun dos piares do evento, reunindo en anos anteriores participantes de distintos puntos de España e Portugal”, e de feito para esta edición a previsión é manter ese nivel de participación e seguir consolidando o torneo como unha das citas máis destacadas para a comunidade competitiva.
Nos vindeiros meses tamén se abrirán as inscricións para o concurso de K-pop e o concurso de Cosplay. Este último contará cun xurado profesional, do que xa se coñecen os primeiros nomes: o cosplayer zamorano Manueki e a cosplayer checa Rea. Ambos serán os encargados de valorar as propostas presentadas, nunha actividade que cada ano reúne a centos de persoas no salón de actos.
Entre os espazos principais volverá estar a zona de stands, organizada en postos comerciais e de artistas. Dirixida a ilustradores, artesáns e creadores, esta área volve espertar un grande interese, como xa ocorreu en edicións anteriores, nas que o número de solicitudes, segundo explican dende Gamin Troop, “superou amplamente a capacidade da que se dispón”. As bases e o formulario de inscrición para solicitar unha mesa publicaranse en datas vindeiras.
A programación incluirá tamén a zona indie, dedicada a estudos e desenvolvedores de videoxogos independentes. “Este espazo permitirá presentar proxectos ao público, recoller feedback e crear conexións dentro do sector”, sinalan dende Gaming Troop, engadindo que “para ir quentando motores, o 9 de maio organizarase unha xornada de portas abertas na Casa da Luz, na que se poderá desfrutar dunha pequena previa do evento, baixo o nome Á beira da Lérez Up, esta proposta ofrecerá unha mostra en formato máis reducido e familiar dalgunhas das actividades que estarán presentes na cita de setembro, amais de amosar as posibilidades do emprendemento e a gamificación a través do mundo dos videoxogos”.
Todas as novidades e actualizacións sobre a Lérez Up estarán nas novas redes sociais oficiais do evento (@lerez_up), así como na súa nova páxina web propia, creada especificamente para centralizar toda a información desta edición.