Lérez Up será unha das sedes dun torneo internacional de Valorant

martes, 10 de setembro do 2024 Marcus Fernández

Hai pouco máis dun mes o xogo Valorant de Riot Games estreou versión para consolas, converténdose en todo un fenómeno, chegando a moitos novos xogadores e animando o panorama competitivo, facéndose cun oco no Circuíto Tormenta, no que vai desenvolverse a Valorant Console Cups Road to Lucca 24, un torneo especial no que se xuntan os circuítos competitivos de España e Italia de cara a unha grande final presencial no evento Lucca24 Comics & Games (que se desenvolverá entre o 30 de outubro e o 3 de novembro en Italia).
Esta competición botará a andar o vindeiro día 17, con clasificacións en liña e presenciais, destacando especialmente o feito de que o vindeiro día 28 integrarase no evento Lérez Up, permitindo así que un equipo que participe no torneo en Pontevedra poida clasificarse para a fase final en liña que terá lugar os días 8 e 9 de outubro, e da que sairá o equipo finalista que representará a España na grande final que terá lugar en Lucca o 31 de outubro (á que acudirá con gastos pagos).
O equipo gañador do torneo presencial enmarcado na Lérez Up recibirá tamén un premio en metálico de 250 euros.

A cidade do Lérez destaca como unha das paradas deste novo torneo de Valorant para consolas