Leti da Taberna leva á Guarda este venres o seu espectáculo Enredada
martes, 20 de xaneiro do 2026
A Deputación de Pontevedra leva este venres 23 de xaneiro o circuíto +Escénicas ao concello da Guarda da man do espectáculo de humor Enredada, a cargo de Leti da Taberna. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
O monólogo de humor Enredada representarase no Salón de Actos do Centro Cultural da Guarda ás 21:00 horas. Nel, Leti da Taberna explorará a relación das persoas coas redes sociais e como estas inflúen no día a día. A propia Leticia Miraz, taberneira "de nacemento" e con formación sociosanitaria, fíxose popular a raíz de comezar a publicar contidos en TikTok en 2020. O obxectivo deste espectáculo é “provocar que os espectadores se vexan reflectidos coas situacións que presenta para que acaben rindo de si mesmos”.
Leti da Taberna acumula a día de hoxe decenas de miles de seguidoras nas redes sociais, converténdose nunha “taberneira virtual”. Utiliza a retranca para realizar crítica social.
Co circuíto +Escénicas a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril do pasado ano e marzo deste 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.
