Levantan o bloqueo de X no Brasil

mércores, 9 de outubro do 2024 Marcus Fernández

A pasada fin de semana sóubose que X realizara os pagamentos que tiña pendentes das sancións impostas polo Tribunal Supremo do Brasil, por un importe total de 28,6 millóns de reais (4,7 millóns de euros), e aínda que inicialmente houbo problemas coa operación (xa que X error a entidade bancaria na que tiña que ingresar os cartos das multas), constatado o feito de que X cumpría a lexislación brasileira o maxistrado Alexandre de Moraes levantou o bloqueo da plataforma en vigor dende o pasado 30 de agosto.
O Tribunal indicou xa á Axencia Nacional de Telecomunicacións (Anatel) que realizase as actuacións para que X poida volver operar no Brasil, polo que é cuestión de horas o regreso á normalidade.
Agora o interesante será ver se os usuarios recuperarán a súa actividade na plataforma de Elon Musk ou se manterán a súa actividade en plataformas alternativas como Bluesky (que rexistrou millóns de altas tras o bloqueo de X no Brasil).