Licitada a construción da nova sede do CESGA, no Polígono da Sionlla (Santiago)

xoves, 21 de novembro do 2024 S. P.

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) publicou este 21 de novembro a licitación da redacción do proxecto básico e de execución e a construción da súa nova sede. Trátase dunha obra que terá un investimento de máis de 12 millóns de euros e que albergará “novas infraestruturas tecnolóxicas avanzadas”, segundo explicou a Xunta, engadindo que “este é o primeiro dos catro investimentos que o Goberno galego levará a cabo para posicionar a comunidade como referente a nivel nacional e internacional no eido da computación cuántica e que suman un total de 56 millóns de euros”.
Concretamente, o edificio construirase nunha parcela de propiedade da Xunta no polígono da Sionlla, en Santiago de Compostela, que estará a disposición de toda a comunidade científica e das empresas. O centro, que estará listo en xuño de 2026, “suporá un importante incremento da capacidade de cálculo e almacenamento científico do CESGA, o que permitirá avanzar máis rapidamente na xeración de coñecemento e na innovación”, explicou a Xunta, engadindo que a licitación sae por 10,9 millóns de euros, orzamento ao que se sumarán outros conceptos que elevarán o investimento do edificio a máis de 12 millóns de euros.
O prazo de presentación de solicitudes de participación pecha o 9 de decembro.
Fontes do Goberno galego informaron que este investimento “forma parte do maior orzamento realizado neste centro ao longo da súa historia, co obxectivo de que sexa un referente a nivel nacional e internacional”. Realizarase con fondos europeos e con fondos do Goberno galego tras lograr captar 47,4 millóns de euros procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia, no marco do PERTE Chip.
Por certo que Galicia é a comunidade que consegue unha maior achega entre todos os membros da Rede Española de Supercomputación (RES), formada por 14 nodos distribuídos por todo o Estado, que recibe, no seu conxunto, 63 millóns de euros. É dicir, que Galicia capta o 75% dos fondos repartidos en toda España.
Para poder levar a cabo todas as actuacións do proxecto, a Xunta de Galicia incrementou o orzamento nun 20%, posibilitando o impulso do CESGA no seu liderado internacional.
O edificio situarase nun soar cunha superficie de máis de 9.100 metros cadrados e terá unha superficie construída superior a 2.400 metros cadrados, máis unha área exterior anexa superior a 1.200 metros cadrados para equipos de servizo, que cumpre con todos os requirimentos imprescindíbeis para o seu funcionamento.
Na documentación do proxecto indícase que pola súa “natureza singular e de cara a unha futura ampliación e adaptación á súa evolución, é necesario realizar un deseño integrado que aliñe todos os aspectos interrelacionados entre si; deste xeito, a disposición da nova sede terá en conta os sistemas construtivos e as instalacións, pero tamén aspectos de planificación do espazo, a funcionalidade de cada subsistema, e a seguridade das persoas e equipamentos, entre outras características”.
Respecto á feitura arquitectóniao, e no que atinxe á estética do novo edificio, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional busca convertelo “nun referente non só en canto á súa funcionalidade, senón tamén a nivel estético, sen esquecer no proceso aspectos tan importantes coma os ambientais e de eficiencia enerxética”.
O obxectivo deste investimento é reforzar o CESGA, dependente da Xunta de Galicia e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), como “un centro de referencia no ámbito nacional e europeo, que estea á vangarda en infraestruturas de computación, así como no coñecemento sobre tales infraestruturas”. Para iso, ademais da nova sede, están previstas unha serie de actuacións para mellorar a calidade dos servizos ofrecidos á comunidade científica e tecnolóxica coa dotación de novas infraestruturas.
O CESGA contará cun novo supercomputador, o Finisterrae IV, que proporcionará unha potencia computacional adicional cubrindo necesidades de Intelixencia Artificial, entre outras, e ao que se destinarán 18,6 millóns de euros. Ampliarase tamén a capacidade de almacenamento do centro mediante unha nova infraestrutura que permitirá almacenar gran cantidade de datos de modo permanente e presentar servizos de datos avanzados, á que se destinarán 7,8 millóns de euros. Completarase a oferta actual do CESGA en computación cuántica con novas capacidades que impulsen o desenvolvemento do ecosistema de computación cuántica e favoreza o seu liderado internacional, que contará cun investimento de 18 millóns de euros.
As novas infraestruturas serán localizadas no novo edificio do Polígono da Sionlla, que será complementario ao centro de procesamento de datos actual do CESGA situado no campus universitario.