Licitada por máis de 775.111 euros a instalación da infraestrutura do CPD do Hospital Novo Montecelo

mércores, 22 de abril do 2026 S. P.

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, publicou no Portal de Contratos de Galicia a licitación, por un importe de 775.111 euros, do subministro e instalación da infraestrutura tecnolóxica para a posta en marcha do Centro de Procesamento de Datos (CPD) do Hospital Público Novo Montecelo de Pontevedra.
Segundo especifica a Consellería, o contrato ten como obxectivo “dotar o hospital pontevedrés dun equipamento de vangarda baixo tres piares fundamentais: a eficiencia e optimización enerxética das instalacións, o aumento da dispoñibilidade dos servizos TIC adaptada á demanda actual, e a estandarización e implementación de tecnoloxías emerxentes que acompañen a evolución dos sistemas de información”. Tamén se fai saber que a nova infraestrutura considérase “esencial” para o soporte das aplicacións corporativas, comunicacións e servizos dixitais do Servizo Galego de Saúde, orientándose a asegurar altos niveis de dispoñibilidade, seguridade e eficiencia enerxética.
O Centro de Procesamento de Datos (CPD) do Novo Montecelo contará con áreas especializadas, incluíndo salas de servidores, de backup, salas LAN e WAN, alén dunha sala destinada aos sistemas de alimentación ininterrompida (SAI).
Entre o equipamento que inclúe o expediente destaca a instalación diversos armarios rack, así como o despregamento dunha robusta rede de cableado de cobre e fibra óptica, co que se garantirá a integración coa rede corporativa do Servizo Galego de Saúde.
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o vindeiro 22 de maio para presentar as súas ofertas.
Unha vez adxudicado o contrato, o material deberá estar instalado e plenamente operativo nun prazo máximo de 6 meses, asegurando que todos os compoñentes sexan de última xeración e que conten cun soporte técnico estendido.