Licitado o servizo de administración dos centros de procesos de datos da Xunta

luns, 14 de abril do 2025 S. P.

O Consello de Goberno de Galicia autorizou a contratación do servizo de soporte e administración dos sistemas dos Centros de Procesos de Datos da Xunta (CPD), que xestionan as preto de 3.000 aplicacións da Administración autonómica, dan servizo a máis de 2.700 centros administrativos, a arredor de 118.000 empregados públicos e a toda a cidadanía galega. O contrato licitarase nos vindeiros días cun orzamento de 7,17 millóns de euros (IVE incluído) para os anos 2026 e 2027 e cun valor estimado de 14 millóns de euros, que contempla prórrogas por un pazo igual ou inferior aos 24 meses e as posibles modificacións.
O servizo contratado inclúe a planificación, deseño, implantación, xestión e optimización dos procesos de explotación e evolución das infraestruturas e plataformas que albergan os CPDs, ademais da monitoraxe e análise de rendemento e produtividade destes servizos.
O equipo de administradores ocuparase tamén da instalación, actualización, configuración e parametrización de elementos software e hardware dos sistemas informáticos así como das copias de seguridade, da xestión dos incidentes e das peticións de servizo.
O contrato establece un servizo de 24 horas os sete días da semana para garantir a dispoñibilidade duns sistemas clave para o funcionamento dos servizos dixitais da Administración autonómica. Nesta mesma liña, reduce o tempo de resposta a un incidente prioritario a cinco minutos desde a comunicación e a súa resolución a un tempo máximo de seis horas.
As funcións do equipo de administradores de sistemas abranguerán, tamén, o asesoramento técnico a nivel de arquitectura, hardware e software, a formación a persoal e o estudo de aplicación de solucións tecnolóxicas relacionadas coa operativa e as infraestruturas tecnolóxicas da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
A axencia explica que “a complexidade de infraestruturas tecnolóxicas de sistemas fai indispensábel complementar os recursos propios destinados á administración de sistemas”. Engade que o contrato “permitirá a súa xestión con horarios estendidos e recursos especializados para poder dar cobertura á ampla franxa horaria na que se realizan os despregues de aplicacións e outras tarefas de administración de sistemas”.