Licitado por 555.089 euros o soporte informático de medio cento de aplicacións de Sanidade

mércores, 10 de xullo do 2024 S. P.

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, publicou no Portal de Contratos de Galicia a licitación da contratación dos servizos de soporte e probas das 53 aplicacións da área de programas especiais da sanidade pública por un orzamento base de 555.089 euros e o prazo dun ano.
As tarefas de soporte e resolución de incidencias de usuarios e validación e probas das aplicacións inclúen, entre outras, o sistema de incapacidade temporal, o rexistro de centros sanitarios, a solicitude de medicamentos en situacións especiais, a xestión da prestación ortoprotésica, o sistema de detección precoz de cancro, o rexistro galego de tumores, o sistema de xestión do transporte sanitario non urxente, o sistema de tarxeta sanitaria e a carpeta de saúde (É-Saúde), entre outros.
Sanidade lembra que no ano 2023 atendéronse neste servizo máis de 15.000 incidencias e executáronse máis de 300 plans de probas dos distintos aplicativos recollidos no contrato.
O desenvolvemento destas aplicacións no sistema sanitario público galego foi iniciado hai máis dunha década pola Consellería de Sanidade para cubrir necesidades dentro da propia organización e tamén para a cidadanía e profesionais.
O prazo de presentación de ofertas para as empresas interesadas remata o 5 de agosto.

PUBLICIDADE