Licitado por máis de 390.000 euros o desenvolvemento da plataforma CETIR do SERGAS
xoves, 24 de abril do 2025
O Portal de Contratos Públicos de Galicia publicou na súa web a licitación, por importe de 390.297 euros, dos servizos para o desenvolvemento e evolución da plataforma de integración con sistemas de comunicación en tempo real do Servizo Galego de Saúde (CETIR).
CETIR é unha plataforma de comunicación en tempo real que xera canles de voz e vídeo instantáneos sobre a base de diferentes estándares. Así, permite conectar calquera aplicativo empregado por parte dos profesionais sanitarios, como pode ser a historia clínica electrónica Ianus 5, con aquelas aplicacións que son empregadas pola cidadanía, como o SERGAS Móbil.
Segundo o SERGAS, a actualización da plataforma CETIR posibilitará novas funcionalidades, entre as que se atopan: a de permitir gravar as chamadas -de vídeo e voz- de acordo á normativa e aos estándares de seguridade vixentes; converter os postos de traballo en teléfonos virtuais; dotar a aplicación SERGAS Móbil dunha comunicación de voz dixital que identifique de xeito inequívoco aos cidadás -sen necesidade de que acheguen o seu número de teléfono-; ou catalogar os sistemas de videoconferencia adicionais para usos concretos.
Ademais, “esta plataforma garante e asegura todas as operacións que se realicen en rede, ademais de posibilitar a rastrexabilidade de todos os eventos comunicativos que se rexistren na mesma”, engaden fontes do SERGAS.