Licitados por 1,3 millóns os servizos TIC para a xestión das webs, redes e aplicacións do SERGAS
martes, 18 de novembro do 2025
O Portal de Contratos Públicos de Galicia publicou a licitación por 1,3 millóns de euros dos servizos de xestión de proxecto, soporte técnico, entrega, consultoría de comunicación e contidos dos portais web e aplicacións en mobilidade accesibles a través de internet e intranet do Servizo Galego de Saúde.
A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde lembran que contan cun conxunto de portais web (internos e externos) de “grande utilidade” e que son empregados a diario pola cidadanía e os profesionais sanitarios. Entre eles, destacan a web do propio SERGAS, o portal do 061, o Observatorio de Saúde Pública ou do Proxecto Xenoma Galicia, entre outros.
O dito expediente inclúe a xestión duns emprazamentos web que, no último ano, rexistraron máis de 16 millóns de visitas. Así mesmo, os portais orientados a facilitar información aos profesionais da organización sanitaria galega superaron os 13 millóns.
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o vindeiro 26 de decembro para presentar as súas ofertas.
O prazo de execución previsto para esta contratación é de doce meses desde a súa sinatura, estando recollidas posibles prórrogas por un máximo de 48 meses. Neste caso, o valor estimado do contrato acadaría os 4,6 millóns.
Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a do Programa FEDER de Galicia 2021-2027.
