Lidia Senra lanza web para achegar a cidadanía galega a Europa

xoves, 20 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Lidia Senra, eurodeputada galega e membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), vén de estrear nova páxina web e novo dominio na Rede: lidiasenra.gal. A web, que ten o obxectivo de aproximarse ao máximo posíbel á cidadanía e subir novos chanzos en transparencia e participación, será o portal dixital a través do que a europarlamentaria e o seu equipo informen polo miúdo acerca das súas actividades diarias, debates e traballos de interese para a nosa terra, desenvolvidos na Eurocámara.
Con esta nova web, Senra pretende facer máis accesíbeis para todas as galegas e galegos as cuestións que se abordan no Parlamento Europeo e na Comisión Europea, e que teñen, nas súas palabras, “unha incidencia fundamental no presente e futuro do país”. De feito, sinala na súa web a parlamentaria, “o oitenta por cento das decisións políticas que logo afectan e condicionan a nosa vida tómanse nas institucións europeas, por iso é moi importante que se coñeza o que se debate na UE, sobre todo tendo en conta que a maioría das veces a maior parte da poboación decátase dos efectos negativos dunha decisión política que se toma na UE cando o Goberno do Estado ou da Xunta a aplican e xa é tarde para botala atrás”.
A nova web, que leva como cabeceira o lema Lídia Senra. A Nosa Voz en Europa, artéllase en diferentes seccións nas que se poden consultar todos os vídeos da eurodeputada intervindo nas sesións plenarias europeas e nas comisións parlamentarias, así como o material relacionado con todas as xornadas de debate e informativas sobre diversos temas organizadas pola deputada en terra galega no que vai de lexislatura, entre outros moitos recursos e informacións (balances, publicacións, enquisas, notas de prensa, etc). A web actualizarase a diario para ofrecer “información nova continua e practicamente en directo” sobre todo o traballo que continúe a realizar Senra.

PUBLICIDADE