Life deixa o papel para apostar por Internet

martes, 27 de marzo do 2007 Raquel Noya

Cada vez máis lectores abandonan as publicacións impresas na procura de novas e fotografías en Internet. Debido a isto, moitos xornais e revistas deixan de publicarse fisicamente en papel para pasar a formar parte da gran familia de publicacións en Rede. A última que se vai incorporar exclusivamente a Internet, despedíndose dos quioscos definitivamente, é a clásica revista fotográfica Life, adquirida polo grupo Time Inc.en 1936, que dende finais de ano manterase viva só a través da Web. O portal web de Life acollerá unha colección de dez millóns de imaxes, “a máis importante sobre acontecementos e xente do século XX”, que será accesible para emprego persoal e, o máis importante, de balde.
Máis do 97 por cento das composicións que formarán parte deste xigantesco arquivo fotográfico en liña, nunca antes foran vistas polo gran público e inclúe traballos de recoñecidos fotógrafos como Alfred Eisenstaedt, Margaret Bourke-White e Gordon Parks. Segundo os seus creadores, “o sitio web pretende converterse en destino de referencia para repasar a fotografía máis importante da nosa era”; nós agardámolo como auga de maio.

PUBLICIDADE