Lingo Telecom terá que pagar 1 millón de dólares por permitir chamadas suplantando a Joe Biden

xoves, 22 de agosto do 2024 Marcus Fernández

A suplantación de identidade é un problema cada vez máis preocupante, e toma un cariz moi serio cando o mesturamos coa propaganda política, como cando o consultor político Steve Kramer tentou interferir nas primarias de New Hampshire hai uns meses empregando a clonación da voz mediante IA para realizar chamadas automáticas aos cidadáns facéndose pasar polo presidente Biden para disuadilos de acudir a votar.
Ante estes graves feitos a Comisión Federal de Comunicacións (FCC) emprendeu accións contra o operador de telefonía Lingo Telecom, a través do que se realizaron as chamadas, e co que veñen de chegar a un acordo de sanción civil por valor de 1 millón de dólares. A compañía tamén terá que adherirse a un protocolo de autenticación de identificación de chamadas.
O xefe da Oficina de Cumprimento da FCC, Loyaan A. Egal, asegura que «a combinación potencial do uso indebido da tecnoloxía de clonación de voz xerada por IA e a suplantación de identificación de chamadas a través da rede de comunicacións dos Estados Unidos presenta unha ameaza significativa» e co acordo con Lingo envían «unha forte mensaxe de que os provedores de servizos de comunicacións son a primeira liña de defensa contra estas ameazas e serán responsabilizados para garantir que fagan a súa parte para protexer ao público estadounidense».
A FCC tamén iniciou accións contra Steve Kramer polas chamadas automáticas utilizando a suplantación de identificación de chamadas para facilitar o uso indebido da tecnoloxía de clonación de voz xerada por IA. Tamén foi acusado en New Hampshire de cargos estatais en grao de delito grave.