LinkedIn Lite chega a máis de 60 países

xoves, 3 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Tanto para usuarios con móbiles básicos ou con conexións á Internet deficientes resultan moi atractivas as versións Lite ou lixeiras de moitas aplicacións de plataformas como Facebook ou YouTube, e entre a colección de apps que reciben este tratamento destaca agora LinkedIn, que abriu hoxe LinkedIn Lite a máis de 60 países en vías de desenvolvemento (concretamente de África e Asia).
Nunha serie de mercados a versión lixeira de LinkedIn só está dispoñible vía web, mentres que na meirande parte está xa dispoñible como aplicación para Android, destacando por ocupar só 1 MB, o que é máis que suficiente para permitir localizar traballos e establecer conexións con outros usuarios.
LinkedIn Lite non só ocupa menos no móbil, senón que tamén consegue descargar até 5 veces máis rápido (pois reduce o consumo de datos até un 80%) o que será de grande utilidade especialmente nos países nos que esta plataforma social profesional busca gañar usuarios para trasladar o éxito que consegue en mercados como o europeo e o norteamericano.
Polo momento non está previsto que LinkedIn Lite estea dispoñible dende España, pero é probable que co tempo rematen abrindo a aplicación a todo o mundo, por considerarse que calquera territorio é susceptible de ter zonas cunha banda larga deficiente.

PUBLICIDADE