LinkedIn terá vídeo en directo

martes, 12 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

A plataforma social profesional de maior tamaño, LinkedIn, con preto de 600 millóns de usuarios a nivel mundial, está a preparar un importante salto para adaptarse ás novas tendencias, e esta semana lanza o seu servizo de vídeo en directo, LinkedIn Live, que polo momento chegará en probas a EE.UU. e só mediante invitación, ou sexa, que polo momento non se sabe cando será un servizo aberto a todos os usuarios e sen limitación territorial.
Dende LinkedIn confían en que estes directos de vídeo poidan empregarse para cubrir congresos, anunciar produtos, realizar sesións de preguntas e respostas e outro tipo de eventos de corte profesional, de xeito que non pretende competir directamente co resto de aplicacións que permiten realizar directos dende o móbil, senón que aproveita a orientación da súa plataforma para que os seus contidos audiovisuais poidan ser máis serios (e construtivos) do que normalmente vemos en YouTube, Periscope, Instagram...
Para a realización destas retransmisións LinkedIn permitirá utilizar plataformas e ferramentas moi coñecidas polos creadores de contidos para a realización de directos como Wirecast, Switcher Studio, Wowza Media Systems, Socialive e Brandlive.
Sorprende que LinkedIn tardase tantos anos en sumarse ao vídeo en directo, pero probablemente o chegar a esta altura facilitará que a súa integración chegue nun momento no que o público é máis consciente das posibilidades do audiovisual para enriquecer esta plataforma profesional.

PUBLICIDADE