Lockitron, o pecho para a porta que se controla dende o móbil, acada financiamento en poucas horas

xoves, 4 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Esta semana veu a luz un proxecto que busca eliminar as chaves dos pechos para substituílas por unha opción máis tecnolóxica, o Lockitron, que permite abrir e pechar portas dende o teléfono móbil de distintos xeitos. Esta solución é de doada instalación e permite controlar o pecho da porta dende calquera teléfono móbil (tanto mediante aplicacións como mediante correo electrónico ou mensaxe de texto) e incluso integra funcionalidades como comprobar remotamente se a porta está pechada ou recibir unha notificación cando alguén pete na porta ou cando alguén use a porta.

Unha aplicación móbil facilita o control do pecho a distancia

Os usuarios de iPhone 4S/5 tamén poden facer que, mediante Bluetooth 4.0, Lockitron detecte a proximidade do móbil, e desbloquéese, o que resulta moi práctico, e sería un deses servizos propios do fogar do futuro que pretende facerse realidade no mes de marzo, polo que abriron unha quenda de pedidos que tiña como obxectivo para garantir a viabilidade do proxecto acumular encargos por un total de 1.000 unidades a 145 dólares cada unha, o que conseguiron facer só nunhas horas, pois no primeiro día de reservas deste produto xuntaron máis de 500.000 dólares (e no momento de escribir estas liñas xa superaran o millón de dólares) demostrando o interese por este tipo de produtos e a grande aceptación da que están a gozar as iniciativas de crowdfunding para a creación de trebellos innovadores.


Vídeo de presentación do Lockitron