Locompramos.es fai un chamamento a prol da reciclaxe de móbiles

xoves, 14 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

Locompramos.es, servizo empresarial español especializado en fomentar o emprego de móbiles reciclados, vén de facer reconto da súa actividade en materia de móbiles adquiridos aos usuarios. En total, informa, estamos a falar dunha media de 15.000 unidades ao mes, trebellos que logo son postos de novo no mercado, co que se contribúe, engade a empresa, a darlles unha segunda vida (reciclaxe), a permitir que os consumidores poidan recuperar unha parte do investido coa primeira compra, á preservación do medio (menos moreas de móbiles desbotados) e o acceso a estas tecnoloxías de persoas que polos motivos que sexan non poden adquirir un trebello de primeira man.
Con todo, malia as 15.000 unidades acadadas, cómpre facer máis, puntualizan. Para facérmonos unha idea do que pode representar un país onde non se lle dera unha segunda ou terceira vida aos móbiles dos seus cidadáns, Locompramos.es apunta a quen en España están contabilizadas arestora 55,7 millóns de liñas de teléfono móbil, supoñéndose un número moito maior de terminais. Ademais, en 2012 rexistráronse 15 millóns de renovacións de aparellos, “o que dá unha idea do crecemento exponencial do parque de móbiles en España”, sinalan dende a empresa. O servizo Locompramos.es naceu, precisamente, dunha reflexión acerca destas cifras: como facer negocio con estes aparellos ao tempo que se contribúe á reciclaxe e ao consumo responsable? En base a isto, o obxectivo do servizo é incentivar a venda de teléfonos móbiles xa usados (e tamén tablets, cámaras, ebooks e accesorios varios “que adormecen no fondo caixón”), que posteriormente repara e comercializa.