Logitech axiliza o traballo de profesionais creativos con accesorios personalizables
martes, 24 de setembro do 2024
Elgato coa accesorio Stream Deck fixo populares os teclados con pantallas integradas en cada tecla, favorecendo o seu uso como atallos para distintas aplicacións, e agora Logitech colle o concepto que se viña aplicando principalmente a retransmisións de vídeo en directo e aplícao a traballos creativos coa MX Creative Console.
Falamos dunha ferramenta de produtividade que consiste nun pequeno teclado personalizado (conectado ao ordenador mediante USB-C) ao que acompaña un dial analóxico (sen fíos e alimentado mediante 2 baterías AAA), favorecendo así o control en ferramentas creativas, como poden ser o Adobe Photoshop e o Adobe Premiere Pro.
A idea deste conxunto de accesorios é axilizar funcións e achegar grande precisión nos axustes. Por exemplo, co teclado podemos escoller as ferramentas que queremos empregar en cada aplicación (aforrando moitos clics do rato) e co dial podemos movernos por unha liña de tempo no Premiere Pro, axustar o grosor dun pincel no Photoshop ou axustar a exposición dunha fotografía en Lightroom.
O teclado, aparte das teclas con pantalla tamén conta cun par de botóns de paxinación (para poder moverse entre varias combinacións de 9 botóns personalizados), mentres que o dial conta tamén con botóns de avanza e retroceso, botón esquerdo e dereito e incluso unha pequena roda fluída (pensada para controlar o zoom).
Con estas funcións minimízase o número de pasos precisos para tarefas moi frecuentes no día a día dos profesionais creativos que poderán facerse con esta atractiva solución a partir do 15 de outubro a un prezo de 229 euros (dispoñible en cor grafito ou gris pálido).
Vídeo promocional da Logitech MX Creative Console