Logitech prepara unha consola portátil orientada ao xogo na nube

martes, 30 de agosto do 2022 Marcus Fernández

A primeiros de agosto Logitech anunciou que chegara a un acordo con Tencent Games para avanzar no xogo na nube portátil, e esta madrugada o célebre filtrador Evan Blass adianta o que será a consola portátil de Logitech G, información que quedou ratificada despois de que Logitech forzase ao borrado das imaxes filtradas mediante unha reclamación de copyright.
Nas imaxes filtradas queda claro que estamos ante unha típica consola portátil baseada en Android (das que xa hai moitas no mercado, e que poden lembrar ao formato da Nintendo Switch Lite), que contaría coa tenda de aplicacións de Google Play, así como con acceso a Xbox Cloud Gaming, nVIDIA GeForce Now, Steam (entendemos que ao xogo remoto) e a outras aplicacións propias para Android, ou sexa, que sería unha pequena tableta con Android á que engadirían mandos de consolas aos lados para facilitar o uso de xogos para Android e de servizos de xogo na nube.
O deseño deste hardware non é ningunha sorpresa (unha panca analóxica a cada lado, cruceta no lado dereito, botóns de disparo na parte dereita e gatillos dianteiros), polo que agora só faltaría agardar á súa presentación oficial para saber o hardware co que corre esta máquina, que previsiblemente sería un procesador Qualcomm Snapdragon G3x Gen 1 (procesador de Qualcomm que estaría orientado especialmente a dispositivos deste tipo).

PUBLICIDADE