Logitech presenta novos accesorios para Mac

martes, 14 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Tradicionalmente os equipos de Apple non destacaron polos seus teclados e ratos, situación que dende Logitech aproveitan lanzando agora unha nova serie de accesorios que buscan ofrecer unha mellor experiencia de uso, como os teclados e ratos da familia MX, que dende hai tempo son claros referentes no mundo do PC, e que agora terían versións específicas para equipos de Apple. A maiores tamén presentan unha nova versión do teclado Bluetooth multi-dispositivo K380, agora adaptado aos Mac e dispoñible en cor branca e rosa.
O MX Master 3 for Mac é un dos ratos informáticos máis reputados do mercado, cunha excelente ergonomía, e rodas de desprazamento que contribúen a axilizar moitos fluxos de traballo. Destaca especialmente pola zona na que permite repousar o polgar, xa que permite usar ese dedo, ignorado pola meirande parte de ratos, para utilizar varios botóns e unha roda de desprazamento horizontal. Este excelente rato pode mercarse xa nos EE.UU. por 99,99 dólares.
Para completar ao grande rato de Logitech tamén é unha boa opción o teclado MX Keys for Mac, tamén a un prezo de 99,99 dólares, e que basicamente diferénciase da versión ordinaria deste bo teclado en que as teclas están serigrafiadas do mesmo xeito que os teclados de Apple en vez de contar con símbolos propios de equipos con Windows 10. O teclado conta con retroiluminación e a súa batería cárgase mediante USB-C. Unha carga daría para uns 10 días de uso coa retroiluminación acendida ou até 5 meses coa retroiluminación desactivada.
Un tanto máis sorprendente é o anuncio do teclado K380 for Mac, que vén a ser un teclado compacto e lixeiro pensado no seu uso cun Mac, un iPad ou un iPhone, podendo saltar entre dispositivos con só premer unha tecla. Véndese a un prezo de 39,99 dólares.
Aínda non sabemos nin prezo nin data de lanzamento destes produtos en España, pero parece razoable que vaian venderse ao mesmo prezo que os produtos serigrafiados para Windows, de xeito que o MX Master 3 custaría 115 euros, o MX Keys venderíase a 115 euros e o K380 tería un prezo de 49,99 euros.

PUBLICIDADE