Logitech presenta novos produtos para as salas de xuntanzas

xoves, 16 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Nos últimos anos Logitech lanzou un amplo abano de dispositivos para a realización de videoconferencias profesionais, e estes días leva tal gama de produtos un paso adiante con novos trebellos orientados ás salas de reunións: un controlador para as salas de xuntanzas conectadas chamado Tap IP e un panel interactivo (Tap Scheduler) para controlar as reservas das salas para a realización de xuntanzas. Ambos trebellos poden conectarse directamente á rede corporativa mediante un cable Ethernet polo que tamén poden captar enerxía para o seu funcionamento, simplificando a súa instalación.

Con Logitech Tap IP temos un panel táctil que facilita o manexo de xuntanzas con Microsoft Teams para Android, para salas de Zoom e para outros servizos de videoconferencia, e funciona en combinación con solucións de videoconferencia de Logitech, buscando que os usuarios poidan participar en xuntanzas con vídeo sen ter que preocuparse pola parte tecnolóxica, enfocándose na colaboración.

O Logitech Tap Scheduler é unha pantalla deseñada para a súa colocación no exterior das salas de xuntanzas, para saber se están ocupadas (conta con sinais luminosas para que poida saberse dende lonxe se están en uso), consultar o seu calendario de xuntanzas de Teams, Zoom, Robin e Meetio, e incluso facilitan a reserva dos espazos para xuntanzas futuras.
Estes produtos chegarán ao mercado no outono a un prezo de 699 dólares.

JPEG - 57.3 KB
O Tap Scheduler permite xestionar as reservas das salas de reunións

PUBLICIDADE