Logitech presenta unha base con altofalante e mans libres

mércores, 8 de setembro do 2021 Marcus Fernández

De cara aos espazos de traballo nos que cada día xoga un rol máis importante as videoconferencias e as comunicacións en liña presentan o novo Logi Dock, unha base que integra botóns para controlar as xuntanzas en liña (estando certificado para Google Meet, Microsoft Teams e Zoom) e que tamén incorpora un altofalante con mans libres.
Esta curiosa base permite conectar até 5 periféricos USB e até 2 monitores mentres carga un portátil até a 100 watts, podendo facer todo isto a través dun único cable, co que conseguen un espazo de traballo organizado. O dispositivo úsase en combinación coa aplicación Logi Tune, que en combinación coa nosa axenda facilita a xesión das xuntanzas en liña e de botóns que facilitan unirse ás xuntanzas, silenciar o micrófono, apagar e acender a cámara ou rematar as chamadas dun xeito áxil.
Nas comunicacións en liña achega unha grande experiencia sonora, cun altofalante estereofónico que integra micrófonos que tanto captan nitidamente a nosa voz como incorporan tecnoloxías de cancelacións de ruído. Tamén conta con Bluetooth por se queremos reproducir no altofalante música dende o noso smartphone ou tableta.
Este produto chegará ao mercado no inverno a un prezo de 399 dólares, dando a entender que está dirixido a un público profesional que realmente vexa a compra deste accesorio como un investimento que mellora a produtividade.

A Logi Dock facilita a conexión de varios accesorios e monitores a un equipo informático simplificando o cableado

Vídeo promocional da Logi Dock

PUBLICIDADE