Lollipop Chainsaw terá remake en 2023
martes, 5 de xullo do 2022
En 2012 chegou a PlayStation 3 e Xbox 360 un xogo hack and
slash protagonizado por unha animadora que tiña que enfrontarse a unha vaga
de zombis, Lollipop Chainsaw, que pese ser un título bastante modesto (consecuente
cos filmes de serie Z nos que se inspira), conseguiu converterse nunha obra de
culto, grazas en boa medida polo traballo de figuras recoñecidas Goichi Suda na
dirección e James Gunn na historia.
De feito, o propio Gunn, responsable dos filmes dos Gardiáns da Galaxia e da
última película do Escuadrón Suicida, recoñeceu que as secuencias ultraviolentas
vistas dende o punto de vista de Harley Quinn están inspiradas en Lollipop
Chainsaw.
Dado que este xogo está fóra do alcance de moitos xogadores actuais (lembremos
as dificultades para gozar dos xogos de PS3 en plataformas posteriores) dende
Dragami Games decidiron que era de xustiza recuperar este título, e anuncian
que xunto a boa parte do equipo de desenvolvemento orixinal traballan
nun remake completo de Lollipop Chainsaw que chegaría ao mercado
en 2023.
Aínda que os espírito do xogo semella que vai estar presente na súa recreación,
con gráficos máis realistas grazas ás posibilidades das consolas de nova xeración,
no caso da banda sonora non será posible contar con todas as cancións incluídas
no xogo orixinal baixo licenza (como Lollipop de The Chordettes ou Cherry Bomb de Joan Jett and the Blackheart) por mera cuestión de dereitos, polo que apostarán
principalmente por temas novos.