Look to Speak xa funciona en español e portugués

mércores, 24 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Dende hai meses Google está a desenvolver unha aplicación experimental para axudar ás persoas con limitacións de movemento e fala a comunicarse valéndose da mirada como xeito de seleccionar distintas frases que o dispositivo móbil reproducirá en voz alta.
Look to Speak é unha aplicación que podemos descargar de balde en dispositivos con Android, que ten un funcionamento moi sinxelo, xa que presenta en pantalla unha serie de frases (que poden editarse previamente) repartidas entre a parte esquerda e dereita da pantalla, de xeito que o usuario ten que mirar cara un lado ou cara o outro para ir seleccionando un subconxunto de frases até que quede só unha que se escoitará en voz alta.
A aplicación estreouse en inglés, pero vén de recibir novos idiomas, entre os que están o español (de España e Latino) e o portugués, abríndose así a moitos máis usuarios de todo o mundo, que poden así tirar proveito desta ferramenta de accesibilidade de grande utilidade en situacións moi específicas nas que pode mellorar considerablemente a calidade de vida ao superar atrancos de comunicación.

Vídeo de presentación da aplicación Look to Speak

PUBLICIDADE