Looking Glass Portrait, unha pantalla holográfica persoal

xoves, 3 de decembro do 2020 Marcus Fernández

A compañía estadounidense Looking Glass está a preparar unha especie de marco fotográfico dixital que vai moito máis aló, xa que presenta imaxes holográficas (e incluso animacións), ou sexa, imaxes tridimensionais de xeito que o punto de vista muda o que vemos, dando sensación de volume e profundidade sen precisar de lentes para tal efecto. Esta proposta pode ser interesante para conservar recordos dun xeito diferente, pero tamén para artistas, deseñadores, fotógrafos ou simplemente entusiastas que queiran traballar e xogar coas 3D.
Este produto, o Looking Glass Display, ofrécese a través de Kickstarter, nunha campaña de micromecenado que oferta nas primeiras horas o produto 199 dólares, cantidade que cando o produto chegue a unha fase comercial subirá até os 349 dólares. A través desta campaña tamén facilitan a posibilidade de conseguir accesorios que facilitan a captura de contidos tridimensionais, aínda que para conseguir resultados básicos será posible empregar directamente un smartphone, pois moitos dos móbiles de alta gama rexistran información de profundidade que logo fan doada a creación de fotografías 3D como as que xa estamos afeitos a ver en Facebook.
Looking Glass non quere que a súa pantalla holográfica se limite a presentar fotografías, e tamén pode reproducir videomensaxes de até 10 segundos, pode presentar imaxes tridimensionais xeradas coas máis populares aplicacións de modelado 3D e é compatible con aplicacións interactivas (valéndose dun sensor Leap Motion e conectando a pantalla a un ordenador persoal), ou sexa, que busca ser a primeira pantalla holográfica persoal para moitos, aínda que dificilmente veremos un produto deste tipo de xeito habitual no ámbito doméstico, sendo máis propio a súa aplicación a instalacións creativas e artísticas, onde as 3D poden chamar a atención do público.

Vídeo promocional do Looking Glass Portrait

PUBLICIDADE