López Abella salienta a necesidade de referentes femininos no ámbito TIC
martes, 18 de febreiro do 2020
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na súa
intervención na mesa redonda Tecnoloxías que rachan coas fendas sociais
da actividade Tempo da psicoloxía, organizada polo Colexio Oficial de
Psicoloxía de Galicia e pola facultade de Psicoloxía da Universidade de
Santiago de Compostela (USC), destacou
a necesidade de que as nenas e mozas teñan referentes femininos no ámbito das
Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para coñecer o traballo
das mulleres tecnólogas e pioneiras no eido da programación, así como as que
tratan de visibilizar o uso das TIC ou que as empregan de forma habitual nas
súas vidas.
López Abella tamén resaltou a importancia de que as novas
xeracións teñan referentes na ciencia e na tecnoloxía. Así, a Unidade de Muller
e Ciencia fomenta a presenza das mulleres e situar nun primeiro plano a
perspectiva de xénero na actividade científica e tecnolóxica. Entre outras
iniciativas, recoñece desde 2007 ás mulleres destacadas nestes dous ámbitos en
Galicia co Premio María Josefa Wonenburguer.
A este obxectivo tamén contribúe o proxecto Nin+Nin-,
Iguais que, desde o ano pasado, favorece o encontro de mulleres senlleiras
líderes na súa actividade profesional para pechar a fenda de xénero nestes
estudos entre o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria.
A secretaria xeral da Igualdade aclarou ademais que os
medios dixitais funcionan como ferramentas relevantes para tomar conciencia
fronte ás desigualdade entre mulleres e homes pero advertiu de que o seu mal
uso podería afondar na difusión de estereotipos discriminatorios e agravar
condutas de control, illamento ou abuso. Co obxectivo de fomentar a igualdade e
a prevención da violencia de xénero a Xunta conta con aplicacións móbiles como
Escapp para as vítimas ou Agresión OFF contra as agresións sexuais.
Por outra parte, López Abella explicou que o manexo das
novas tecnoloxías contribúe ao apoderamento das mulleres, sobre todo nas zonas
do rural. En concreto, o seu uso no eido bancario centra a temática dos talleres
para o apoderamento de mulleres do rural sobre comercio e banca electrónica que
a Xunta leva a cabo en varios concellos galegos.