López Campos anuncia máis iniciativas tecnolóxicas para impulsar o galego

mércores, 25 de setembro do 2024 S. P.

A Xunta porá en marcha de cara a 2025 “un plan para impulsar o uso do galego en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade”. Así o anunciou no Parlamento o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na súa resposta a unha interpelación relacionada co seu departamento. Fíxoo en vésperas do Día europeo das Linguas, unha efeméride que se celebra este 26 de setembro cun amplo abano de actividades.
Segundo explicou, entre as finalidades das novas medidas está o impulso do neofalantismo coa creación dun espazo de lecer que funcione como un repositorio de contidos musicais e audiovisuais en galego ou a continuidade do proxecto neofalantes.gal, en marcha xa coa Universidade de Santiago de Compostela para “mostrar á xente nova a utilidade de coñecer o galego e potenciar así o seu uso neste colectivo”.
Engadiu que as propostas centraranse tamén no aproveitamento das novas tecnoloxías e os espazos dixitais nos que se move a mocidade co fin de dinamizar a lingua galega nesta parte da poboación. Así, amais de continuar traballando no Proxecto Nós para impulsar o galego no ámbito da Intelixencia Artificial, López Campos anunciou que se avanzará na creación de novos produtos tecnolóxicos especialmente pensados para o público infantil e xuvenil, así como “na colaboración con creadores de contido que axuden a favorecer a creación de vínculos entre a lingua galega e as xeracións máis novas”.
Engadiu que “esta folla de ruta na que está a traballar a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén terá en conta a nova realidade socioeconómica da Comunidade autónoma ao incluír unha batería de propostas dirixidas a fomentar a aprendizaxe da lingua galega entre aquel sector da poboación nacido fóra de Galicia”. Isto suporá a posta en marcha dun programa con medidas que incluirá desde a creación de materiais didácticos ou a posta en marcha de cursos formativos ata a colaboración con diferentes organismos ou outros departamentos do Goberno galego como é a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Dixo tamén que as novas propostas nas que traballa a Xunta súmanse ás que están xa en marcha por parte da Secretaría Xeral da Lingua como “as colaboracións para galeguizar os comercios, os programas da Rede de Dinamización Lingüística, as actividades no ensino, a celebración das probas CELGA ou o aproveitamento dos vencellos coa lusofonía a través de accións como o FalaRedes, Nadal en Rede, o programa 21 Días co galego e+ ou a posta en marcha de concursos e premios no eido da lingua galega”.