López Campos pon en valor as redes sociais no festival Hematofesti adicado ao Hematocrítico

xoves, 7 de novembro do 2024 S. P.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, defendeu o valor das redes sociais como recursos imprescindíbeis para facilitar a accesibilidade e divulgación de contidos culturais. Ademais, avogou por tirar proveito das mesmas para “prestixiar e potenciar o uso do galego” entre as persoas usuarias destas plataformas, especialmente, as xeracións máis novas.
Fíxoo durante a súa asistencia hoxe á gala da I edición do festival de humor e literatura infantil Hematofesti, certame que se está a celebrar estes días en Vigo en homenaxe e lembranza de Miguel Ángel López González, coñecido polas redes sociais como O Hematocrítico. Seguindo este fío, o conselleiro salientou o seu papel na difusión dun xeito “ameno, divertido pero, non por iso, menos rigoroso” de contidos culturais, “aos que permitiu que moita xente se achegase a través das redes sociais e explorando novas linguaxes cos que rachar clixés”.
López Campos enxalzou asemade traballo que a Xunta está a facer para mellorar a accesibilidade universal á cultura a través da pioneira Lei de cultura accesíbel e inclusiva de Galicia, en tramitación neste intre no Parlamento de Galicia.
De igual xeito, lembrou que unha das 50 medidas que porá en marcha en 2025 a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para potenciar un maior uso do galego será a de “fomentar unha maior presenza do noso idioma nas tecnoloxías e redes sociais, tan empregadas pola xente moza”. Desta forma, segundo argumentou, procuramos demostrarlle á nosa mocidade que “o galego non ten cancelas en ningún espazo”, concluíu.