López Campos reitera o compromiso da Xunta coa dispoñibilidade en galego da ferramenta Atenea
mércores, 9 de xullo do 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, respondeu este mércores 9 de xullo no Parlamento a preguntas relacionadas coa actividade do seu departamento e nas que reiterou “que a Xunta de Galicia garantirá que o novo sistema informático de xestión procesual que vai implantar o Ministerio de Xustiza estea dispoñible tanto en galego como en castelán”.
O conselleiro informou “do total compromiso do Goberno galego co impulso do uso e prestixio da lingua en toda a sociedade e, nomeadamente, no eido da xustiza”. Por isto, sinalou, “a Administración autonómica traballa xa “para que co novo programa Atenea non se repita o problema sucedido con Minerva, que non estaba preparado para soportar a versión en galego”. Explicou tamén “que nun primeiro momento a intención do Ministerio de Xustiza era asinar un convenio para ceder este sistema á Xunta de Galicia só en castelán e que fose o Goberno autonómico o que asumira a implantación da lingua galega”. Engadiu que “a plataforma figuraba só en castelán e non tiñamos a seguridade de que fora estar dispoñible nas dúas linguas”, e por este motivo “iniciouse o proceso de diálogo co Goberno central, xunto coa Irmandade Xurídica, para colaborar co Ministerio e que Galicia teña o que lle corresponde, respectando e favorecendo así o uso do galego”.
Neste contexto lembrou que ao abeiro do Pacto pola Lingua “xa están a funcionar outro tipo de iniciativas para fomentar e prestixiar o uso do idioma na xustiza”. Así, a finais do pasado ano, López Campos asinou un convenio co fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, a través do cal puxéronse en marcha cursos de formación específica en lingua e cultura galegas para persoal deste sector profesional, “uníndose así a outros enfocados noutros ámbitos da Administración ou no eido sanitario, e ao que se sumou hai uns días a sinatura dun protocolo de colaboración co Colexio Notarial de Galicia e a Irmandade Xurídica para o impulso do idioma na redacción de documentos públicos”, apuntou.
