Lorenzana lembra que está aberta unha liña de axudas para servizos de ciberseguridade en empresas

xoves, 6 de novembro do 2025 Redacción

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na apertura da segunda xornada do V Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, onde lembrou que ata o vindeiro 10 de decembro continúa aberto o prazo para solicitar as novas axudas da Xunta destinadas a servizos de ciberseguridade en empresas. Estas subvencións, dotadas cun orzamento de 1,5 millóns de euros, contan xa con 22 provedores tecnolóxicos homologados e permiten financiar ata o 75 % do custo dos servizos contratados, cun máximo de 30.000 euros por beneficiario.
Lorenzana explicou que a finalidade destas axudas é facilitar que as compañías galegas poidan avaliar riscos e dispoñer de solucións especializadas para operar con seguridade en contornos dixitais. «Trátase de que dispoñan de servizos especializados para operar con seguridade en contornos dixitais», subliñou.
A titular de Economía lembrou que, segundo a última enquisa do INE sobre o uso das TIC e o comercio electrónico, as empresas galegas incrementaron o seu gasto en ciberseguridade un 23 %, ata acadar os 126 millóns de euros, unha porcentaxe case o dobre da media estatal. Tamén destacou o avance no uso da intelixencia artificial, que medrou un 51 % no último ano e xa é empregada polo 15,7 % das empresas.
Neste contexto, Lorenzana salientou que o obxectivo da Xunta é consolidar esta tendencia mediante novas liñas de apoio, como as de ciberseguridade e intelixencia artificial (IA360). «A maior oportunidade que teñen as empresas para gañar en tamaño e produtividade é ir, pouco a pouco, incorporando aos seus procesos a intelixencia artificial, a dixitalización e a innovación», afirmou, incidindo na importancia de que as administracións apoien especialmente ás pequenas empresas.
A conselleira concluíu lembrando que a información e os datos constitúen un dos activos máis valiosos para o tecido produtivo, xa que sustentan a produtividade, a eficiencia e a toma de decisións estratéxicas. Por iso, considerou a ciberseguridade «imprescindible para a competitividade» e adiantou que a innovación e a dixitalización seguirán ocupando un lugar central nas políticas da Xunta de apoio empresarial, cun investimento total previsto de 47 millóns de euros para o vindeiro ano.