Lorenzana anuncia que Galicia será o 1º banco de probas de España do Ceo Dixital Europeo

martes, 14 de outubro do 2025 S. P.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asinou un memorando de cooperación coa Empresa Común Sesar JU, Andreas Boschen, que vai permitir a Galicia “converterse no primeiro banco de probas en España do programa para impulsar o Ceo Dixital Europeo”, sinalaron.
Lembrar que a Empresa Común Sesar JU (Single European Sky ATM Research Joint Undertaking) é unha asociación público-privada europea que ten como obxectivo modernizar a xestión do tráfico aéreo en Europa, impulsando o concepto de Ceo Dixital Europeo e acelerando a transformación dixital do sector, unificando o espazo aéreo europeo e aumentando a súa capacidade para manexar o tráfico futuro. Forman parte dela a UE, Eurocontrol (Organización Europea para a Seguridade da Navegación Aérea) e máis de 50 organizacións que abranguen toda a cadea de valor do sector da aviación: aeroportos, provedores de servizos, operadores de drons, industria e comunidade científica.
Segundo explicou a conselleira, “este memorando asínase no marco da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aerospazo 2025-2030 para reforzar a colaboración en materia de investigación e innovación orientada a modernizar a xestión do tráfico aéreo”. Engadiu que “o acordo, que é o segundo deste tipo que asina Sesar cunha rexión europea despois de Campania (Italia), ten por obxectivo a coordinación de actividades de I+D que contribúan a configurar o Ceo Dixital Europeo”; é dicir, unha aviación máis segura, intelixente e sustentable.
Lorenzana avanzou que, en virtude deste memorando, “Galicia vai servir como banco de probas rexional para solucións innovadoras de tráfico aéreo, aproveitando a sólida base industrial e de investigación que temos”.
Sen dúbida, engadiu, “é un novo fito que vén reafirmar as capacidades industriais e de investigación que Galicia ten no ámbito do aeroespazo e que queremos seguir impulsado coa nova estratexia. E é un verdadeiro orgullo saber que todo ese coñecemento vai contribuír ao liderado tecnolóxico de Europa no eido da aviación”, concluíu.