Lorenzana avanza axudas de 14 millóns de euros para impulsar a innovación e a dixitalización empresarial
xoves, 9 de xaneiro do 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou este 9 de xaneiro que a Xunta aprobará en datas vindeiras unha partida de 14 millóns de euros para impulsar a innovación, a dixitalización e a internacionalización do tecido produtivo de Galicia.
Como novidade, dixo que “estes apoios incluirán unha liña de 10,3 millóns de euros para fomentar o uso da Intelixencia Artificial (IA) nas empresas, unha ferramenta chave hoxe en día para gañar en produtividade e posicionarse no mercado internacional”. Estes e outros datos compartiunos durante unha visita ao novo centro loxístico da empresa familiar Krack en Cerdedo-Cotobade.
Na sede da firma Lorenzana destacou “o traballo conxunto do Concello, da propia compañía e da Administración galega para que esta nave loxística, crucial para todo o traballo de modernización e expansión que está a facer a empresa, sexa unha realidade desde hai máis dun ano”.
Tamén puxo en valor os apoios públicos que, segundo explicou “son necesarios para as empresas que queren seguir crecendo en Galicia e por iso imos seguir traballando coa Oficina Económica de Galicia e con eles neste proceso de expansión no que están inmersos”, dixo.