Lorenzana destaca o empuxe innovador da firma tecnolóxica Binarial
mércores, 4 de febreiro do 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse estes días con directivos de Binarial, empresa innovadora de base tecnolóxica e capital 100 % galego dedicada ao desenvolvemento de robótica propia, solucións de automatización e aplicacións de intelixencia artificial de uso industrial. A firma, con sede no Milladoiro (Ames, A Coruña), foi unha das beneficiarias da liña de axudas a startups do IGAPE nos últimos dous anos.
Nas reunións Lorenzana destacou o potencial de “Galicia para situarse á vangarda da tecnoloxía e a innovación”. Con este obxectivo, dixo, o seu departamento fixo da innovación empresarial un dos eixos centrais de acción con 47 millóns de euros en axudas dentro do orzamento do IGAPE para 2026 que xa están abertas a solicitudes.
Binarial Automatización e Robótica, en Milladoiro (Ames), foi beneficiaria recente das axudas do programa de recuperación da excelencia Neotec, recibindo máis de 230.000 euros para desenvolver o seu plan de negocio durante os vindeiros dous anos. O obxectivo do proxecto de Binarial é dar forma “a tecnoloxías de automatización e robótica para optimizar procesos industriais no sector da automoción e na industria da alimentación mediante intelixencia artificial”. Grazas a este apoio, Binarial está a incorporar un novo investigador posdoutoral á empresa, que se suma aos nove traballadores que desenvolven o seu labor actualmente nas sedes de Padrón e Ames.
Binarial, que xa ten participado na aceleradora de innovación Business Factory Auto e na convocatoria Fábrica intelixente e sustentable do Goberno autonómico, ten como produto estrela o robot autónomo móbil Troo, deseñado para mellorar a loxística interna das fábricas, especialmente na industria da automoción.
