Lorenzana e Abalde exploran vías de colaboración para atraer empresas tecnolóxicas á Cidade das TIC

martes, 26 de setembro do 2023 S. P.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reuniuse na mañá deste 26 de setembro co reitor da UDC, Julio Abalde, para afondar nos máis recentes avances do proxecto da Cidade das TIC da Coruña (antiga Fabrica de Armas) e explorar vías de colaboración que faciliten a atracción de empresas tecnolóxicas cara a este polo de coñecemento innovador e emprendemento tecnolóxico.
Lembraron que o vindeiro mes inaugurarase o primeiro edificio deste novo completo TIC. Trátase do Centro de Servizos Avanzados, que recibiu unha axuda de 4,8 M€ por parte do IGAPE para ofrecer un espazo con laboratorios de demostración de novas tecnoloxías con aplicación industrial e para albergar ás empresas usuarias destes servizos. “Esta infraestrutura permitirá detectar oportunidades de negocio que dean lugar a novos proxectos e empresas”, sinalaron.
Na reunión, a conselleira e o reitor acordaron seguir explorando posíbeis canles de colaboración para continuar impulsando esta iniciativa e, especialmente, para facilitar a atracción e implantación de empresas tecnolóxicas na Cidade das TIC. O obxectivo é configurar un polo do sector das TIC e de innovación dixital de referencia tanto a nivel nacional como internacional.
En marcha dende febreiro de 2020
A Cidade das TIC colleu pulo definitivo en febreiro de 2020, coa sinatura da acta de cesión do edificio da Fábrica de Armas da Coruña do Ministerio de Defensa á Universidade da Coruña, o que facilitou que este grande espazo na cidade herculina comezase a súa transformación.
A Cidade das TIC pretende consolidar á cidade da Coruña como un dos polos da innovación en Galicia e España, de xeito que se xeren sinerxías entre a Universidade e as empresas para que o espazo que vén de ser cedido poida acoller a preto de 2.500 profesionais de alta especialización no sector TIC.
Este proxecto quere concentrar centros docentes, empresas e Administración para gañar forza dabondo para producir máis beneficios, atraer máis compañías, reter talento e, en definitiva, contribuír ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas e primeiro nivel en Galicia.
A transformación deste espazo físico de 35.000 metros cadrados é todo un reto, xa que supón a rehabilitación de 17 edificios e a construción de 2 bloques novos; sendo preciso tamén adaptar accesos peonís, crear unha zona verde, e adecuar as comunicacións co resto da cidade, para o que será preciso un grande investimento.
A Cidade das TIC é un proxecto impulsado pola Universidade da Coruña que tamén conta co pulo do Concello, a Deputación da Coruña, a Xunta ou o Clúster TIC Galicia, entre outras entidades.

PUBLICIDADE