Lorenzana presenta en Boiro e Noia as novidades tecnolóxicas da Xunta para as oficinas de emprego
mércores, 24 de maio do 2023
A
conselleira
de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana,
visitou este mércores 24 de maio as oficinas de emprego de Boiro e
Noia. Fíxoo co obxectivo de presentar os novos sistemas que este
departamento da Xunta implantará no servizo galego de emprego,
sistemas que forman parte dun proceso de modernización que, entre
outras vantaxes, “permitirá mellorar o encaixe entre quen demanda
traballo e o persoal que necesita o tecido produtivo”, sinalou a
conselleira, poñendo o foco noutro dos retos perseguidos: brindar
atención personalizada aos colectivos con maiores dificultades.
Lorenzana
incidiu en que “o Goberno autonómico está a fixar a atención nas
persoas usuarias destas oficinas que presentan maiores problemas para
atopar traballo”. Faráselles, tal e como lembrou,” un seguimento
intensivo para que reciban atención personalizada grazas á nova
rede de 136 profesionais, 4 destinados en Boiro e Noia, que veñen de
asumir as tarefas de orientación e prospección laboral.
Estes
orientadores, dixo, asumirán o desenvolvemento do novo programa de
seguimento intensivo da demanda laboral, “para axudar e apoiar de
xeito máis personalizado a usuarios inscritos no Servizo de Emprego
de Galicia”.
Segundo
engadiu, o programa porá o acento nas persoas que presenten as
seguintes casuísticas: que teñan rexeitado unha oferta de emprego
ou abandonen sen xustificación un servizo de orientación ou/e de
formación; que leven máis de 5 anos de inscrición ininterrompida
no Servizo de Emprego de Galicia sen acceder a un posto e que non
teñan itinerario ou plan personalizado activo nos últimos 12 meses;
as que non teñan confirmado a súa dispoñibilidade para tres
ofertas nun período dun ano; ou as que non se presenten a citas de
orientación laboral nos centros colaboradores do servizo, sen
posibilidade de contacto telefónico e carentes dun itinerario ou
plan personalizado de emprego activo.
A
titular de Promoción do Emprego, por outra banda, destacou a
implementación, xa neste mes de maio e con carácter piloto en tres
oficinas (Cambados, Pontevedra e Ordes), da nova ferramenta
tecnolóxica EMI (Emprego Intelixente). Baseada na Intelixencia
Artificial, permitirá axustar en tempo real as demandas de man de
obra do tecido produtivo aos perfís das persoas demandantes
rexistradas polo servizo público.
Tratarase,
tal e como subliñou, de “aproveitar as posibilidades que brindan
as tecnoloxías intelixentes e a analítica avanzada en prol da
xeración de máis e mellor emprego en Galicia”.
A
oficina de emprego de Boiro, situada na avenida da Constitución, e a
oficina de Noia -delegada da primeira e sita na avenida República
Arxentina-, rexistraron o ano pasado 11.668 e 3.546 citas
respectivamente, cun total de persoas usuarias atendidas que supera
as 15.200 no período.