Lorenzana visita Centum e cualifícaa de “caso de éxito” no marco da Civil UAVs Initiative
mércores, 17 de xullo do 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou este 17 de xullo as instalacións de Centum Research&Technology, especializada no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas (como é o LifeSeeeker) que optimizan as operacións de rescate de persoas en zonas difíciles e que desenvolven a comunicación en contornas críticas. Trátase, lembrou, dunha empresa que participa no polo aeroespacial de Galicia (Civil UAVs Initiative) e que cualificou como “un caso de éxito”.
Tamén salientou que un dos obxectivos desta lexislatura é dar “un novo impulso ao sector aeroespacial en Galicia, de aí a súa integración como sector estratéxico na política industrial do Goberno galego”.
Explicou que a industria aeroespacial está “nun momento de enormes expectativas de crecemento” e que se trata “dun sector que achega un valor engadido á industria galega, en termos de innovación tecnolóxica, competitividade, diversificación e emprego cualificado”. Segundo apuntou, contribúe ao PIB nacional cun 6 por cento e só en Galicia conta con máis de 1.600 persoas traballadoras.
Lorenzana lembrou que a Civil UAVs Initiative depende agora da secretaría Xeral de Industria, como unha forma de integrar o sector na política industrial do Goberno galego, onde potenciar a innovación vai ser esencial como elemento clave para atraer talento e novos investimentos cara á industria galega.
A firma Centum Research and Technology foi fundada no 2010 por persoas egresadas da Escola de Telecomunicación da UVIG e que conta na actualidade, no se equipo, con medio cento de profesionais altamente cualificados. O seu cometido é o deseño, o desenvolvemento e a comercialización de sistemas aeronáuticos de misión para os mercados de emerxencias, seguridade, defensa e aeroespacial.