Lorenzana visita en Sada a sede da empresa tecnolóxica Trison

luns, 10 de novembro do 2025 S. P.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou este luns 10 de novembro as instalacións da empresa tecnolóxica Trison, adicada á dixitalización de espazos: unha compañía “ultramoderna” con tecnoloxía “cen por cento galega”, dixo a conselleira, que a cualificou como “un exemplo do liderado innovador e do talento que alberga o tecido empresarial galego”. Dende Trison, con sede en Sada, convidou ás pemes galegas a incorporar a tecnoloxía aos seus procesos produtivos.
Con 19 delegacións propias en 14 países, engadiu, é unha empresa “absolutamente internacionalizada”, cunha carteira media de 5.000 proxectos anuais; o máis recente, a pantalla vertical instalada na torre Entel de Santiago de Chile. Segundo apuntou, traballa, ademais, da man das marcas máis prestixiosas e en sectores que van desde o eido retallista, con Inditex, ata a automoción, o transporte ou o fútbol.
Trison transforma espazos físicos en contornas dixitais máis atractivos a través da integración de sistemas audiovisuais, a creación de contido espectacular e solucións innovadoras de mercadotecnia sensorial. Ten no seu haber máis de 5.000 proxectos anuais executados en máis dun centenar de países e múltiples premios internacionais que avalan a súa capacidade e talento.
Neste contexto, Lorenzana destacou que o vindeiro ano, a Xunta vai destinar case 50 millóns de euros a cinco programas de apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) para, por exemplo, fomentar unha oferta tecnolóxica propia de Galicia; atraer talento directivo ás empresas que axude a executar proxectos de innovación; e para captar e consolidar aquelas iniciativas que se presentaron a convocatorias europeas ou nacionais que, superando os criterios técnicos de avaliación, non foron seleccionados por esgotamento orzamentario.