Loroestudio deseña un xogo móbil para a campaña electoral da mocidade socialista

martes, 15 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

A empresa galega Loroestudio segue a traballar na liña de ofrecer novos xeitos de comunicación entre os cidadáns e as institucións públicas, as organizacións en xeral e as empresas. Desta volta, a proposta que vén de presentar a firma de Ferrol ten que ver con algo que, para ben ou para mal (ou ningunha cousa nin outra) está de moita actualidade: as eleccións municipais. A iniciativa da que falamos é innovadora abondo, máis aínda se temos en conta as grandes posibilidades de comunicación que achegan ós políticos as novas tecnoloxías e o pouco (en xeral) que estes está a tirar partido delas. Así opinan os responsables de Loroestudio, que veñen de saltar unha boa parte destas reticencias coa posta en marcha da que ben podería ser a primeira campaña de Advergaming móbil levada a cabo por unha organización política nestes comicios.
Concretamente, estamos a falar da campaña das Xuventudes Socialistas de España (JSE), que contan xa cun xogo interactivo deseñado pola firma de Ferrol e que lles permite enviar á mocidade a súa mensaxe, chamando á participación e á implicación nas eleccións do 27 de maio.
O xogo creado por Loroestudio inclúe unha serie de probas (seis, en total) que cómpre superar para poder exercer o dereito ó voto. Para a empresa galega, esta é unha maneira moi axeitada de explotar as posibilidades do advergaming, “unha forma de comunicar que, amais de cinguir o lecer coa comunicación en si mesma, ten a vantaxe de posuír un nivel de efectividade altísimo, maior có de calquera outro vieiro publicitario”. Cómpre sinalar que o mitin en Murcia do presidente de España, José Luis Rodríguez Zapatero, foi o primeiro gran evento no que se puxo en marcha este sistema, incluíndo o xogo desenvolvido pola empresa galega.
Lolo Rey, responsable de Loroestudio, opina deste xeito sobre a experiencia: “Fixemos un gran esforzo por chegar ás diferentes formacións políticas, por explicar as nosas propostas para facer que 2007 marcase un antes e un despois no deseño das campañas políticas, e finalmente conseguímolo”. Entre as entidades que tamén amosaron o seu interese no proxecto está o Consello da Xuventude de España.

PUBLICIDADE