Lourdes Guerra Fornos, nova presidenta da asociación de empresas tecnolóxicas Ineo

martes, 23 de maio do 2023 S. P.

Lourdes Guerra Fornos, fundadora e socia de Ayco Internet SL, foi nomeada nova presidenta da asociación empresarial TIC Ineo por acordo unánime da xunta directiva. Nos últimos anos, a xunta da entidade galega Ineo seguiu unha estratexia de rotación periódica na súa presidencia, coa finalidade de “manter a natureza participativa e coral na toma de decisións”. Tras cumprir un mandato que comezou hai catro anos, Lourdes Guerra sucede a Luis A. Sestelo, que seguirá sendo membro da directiva de Ineo.
Fontes da asociación salientaron “a boa saúde de Ineo”, que foi quen de pechar os últimos exercicios de forma positiva, “traccionando máis dun millón de euros para empresas do sector, clientes e a propia asociación, e que conta actualmente cun orzamento de máis de 450 mil euros”.
A nova presidenta agradeceu á xunta directiva a súa confianza e o apoio unánime dos seus integrantes e afirmou que “é un luxo contar con empresas, con tanta experiencia e coñecementos, traballando xuntas por esta asociación”.
Ademais, indicou que o “principal obxectivo que nos propoñemos nesta etapa é o de seguir sendo o referente do sector TIC galego e apoiar a todas as empresas que forman a asociación para continuar mellorando nos procesos que definen a nosa actividade, como son a innovación, a formación, a internacionalización ou o emprendemento e o traslado e aplicación do coñecemento do sector a toda a sociedade”.
Na xunta directiva Lourdes Guerra estará acompañada por Carlos Abal e Francisco Sánchez como vicepresidentes; Giovanni Giardina como secretario-tesoureiro e Adrián Alonso, Gabriel Barreiro, Jorge Cebreiros, Jesús Fernández José Nogueira e Luis A. Sestelo, como vogal.

PUBLICIDADE