Lowi segue a captar clientes de Digi con tarifas agresivas

martes, 14 de outubro do 2025 Marcus Fernández

No mes de agosto demos conta de como Vodafone e Lowi ofrecían aos clientes de Digi tarifas especialmente agresivas, con prezos definitivos (non promocións por uns poucos meses, como facían outras compañías), medida bastante efectiva para evitar a sangría de usuarios que están a ter as operadores por mor dos prezos de Digi alí onde conta con rede de seu.
Aínda que estas promocións non se anuncian publicamente, senón que simplemente se fan visibles a través da páxina web das operadoras cando detectan visitas dende a operadora á que queren roubar clientes, distintos usuarios están a dar conta de que no caso de Lowi a promoción está de volta, e estes días ofrecen aos clientes de Digi a posibilidade de contratar liñas móbiles con chamadas ilimitadas e 300 GB de datos por 5 euros/mes, así como fibra de 1 Gbps e liña móbil con chamadas ilimitadas e 300 GB de datos por 20 euros mes, que pode incrementar o seu prezo en 6 euros de querer asociarlle a contratación de Netflix. Hai usuarios que comentan que o número de liñas móbiles que se ofrecerían coa promoción serían 2.