Lugo Monumental abre unha sección de ofertas de emprego na súa web

venres, 10 de xaneiro do 2025 S. P.

A Asociación Lugo Monumental lanzou este venres 10 de xaneiro unha sección propia na súa páxina web na que se recollen os postos de traballo que os asociados á patronal histórica lucense ofertan. A sección inclúe inicialmente 5 ofertas de emprego, todas elas para traballar en locais do centro histórico.
“Esta iniciativa”, explican dende a asociación, “parte do interese que cremos que pode ter para os lucenses a posibilidade de atopar emprego no centro histórico”, con empresas pequenas (principalmente) cuxo interese é manter empregos estábeis e de calidade.
Dous comercios, un salón de peiteado e dous establecementos de hostalería inauguran esta nova sección, que ofrece tres postos a xornada completa, un a media xornada e outro de 30 horas semanais, sendo catro dos postos indefinidos e un de formación.
A sección, de deseño claro e sinxelo, busca “trasladar a información da forma máis clara para que as persoas interesadas poidan presentar as súas candidaturas e contactar coas empresas directamente”.