Lugo Monumental pon en marcha unha web turística para facilitar as estadías dos visitantes na cidade

xoves, 7 de xullo do 2022 S. P.

A asociación Lugo Monumental vén de presentar os detalles da súa web turística, centrada en ofrecer servizos informativos e prácticos a visitantes (e residentes) sobre a cidade e os seus principais reclamos gastronómicos, comerciais, históricos, hostaleiros, monumentais e paisaxísticos. O obxectivo da entidade é acadar unha web en permanente proceso de mellora, ampliándoa con novas ferramentas e informacións até abranguer todos os puntos de interere da cidade. Podemos vela en Turismo en Lugo.
Inclúe (polo de agora) as seguintes seccións: Que ver, Que facer, Onde comer e durmir e De Compras.
Entre os principais colaboradores da iniciativa atópase Manuel Buján Peón, que contribuíu ao seu desenvolvemento coa desinteresada cesión de moitas das fotografías que ilustran o sitio turístico.
“Quixemos achegar unha proposta sinxela, cunha disposición de elementos clara e sen información confusa, xa que se tenta captar a atención do público para que saiban que visitar e que facer en Lugo, con referencia ás principais festas da cidade como o Arde Lucus e o San Froilán, pero tamén recollendo outros certames que se celebran aquí”, sinalan dende Lugo Monumental, salientando as utilidades postas ao servizo dos visitantes, con apartados específicos sobre aloxamentos e locais recomendados de hostalaría, e unha sección de compras e servizos. A idea, engaden, é ir incorporando aos máis de 100 asociados de Lugo Monumental paulatinamente, contando cada un deles coa súa propia sección na web para darse a coñecer ao visitante.
Tamén se ampliarán os contidos turísticos da páxina, que actualmente se cingue aos principais reclamos turísticos do centro histórico de Lugo, que é o principal destino dos visitantes da cidade.

PUBLICIDADE