Lugo Transforma incorpora a Himikode Tech, referente en IoT, IA e Big Data

mércores, 10 de xullo do 2024 S. P.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, presentou a semana pasada á oitava das empresas que recibirá financiamento da Estratexia Lugo Transforma, ferramenta do Concello para impulsar a diversificación industrial do municipio e promover a creación de emprego de calidade. Acompañada polo seu conselleiro delegado, Jesús Torres, e o analista de investimento desta sociedade, Jorge Leiro, a rexedora recibiu a Noemí Rodríguez e Raúl Bayón, socios fundadores de Himikode Tech, como nova beneficiaria do fondo emprendedor.
A oitava integrante do fondo de capital risco municipal foi constituída en Lugo en 2018. Nestes seis anos de percorrido logrou facerse un oco dentro dun sector moi competitivo como é o tecnolóxico cunha actividade radicada fundamentalmente en Lugo e na súa contorna.
“Trátase dunha firma centrada en tres áreas moi específicas que ademais están en continuo desenvolvemento, como son a IoT (Internet of Things), a IA (Intelixencia Artificial) e o Big Data”, explicou a rexedora, quen resaltou o feito de que a aposta polo desenvolvemento tecnolóxico aplicado a incentivación da economía verde e circular “está en absoluta consonancia coas liñas de actuación determinadas dende o Concello e que son eixos vertebrador de Lugo Trasnforma”.
Así, desde a starup lucense desenvolveron unha solución formada por un dispositivo hardware equipado cun software específico que permite converter os tradicionais bancos de máquinas de café en dispositivos intelixentes capaces de monitorizar datos relativos ao consumo de café aportando datos precisos sobre aspectos como os gramos de material consumido, o número cuncas de café vendidas o caudal de auga empregado.
“Ademais esta tecnoloxía nacida en Lugo analiza a calidade do proceso, así como o estado das propias máquinas a súa localización, o estado de conexión ou o tempo que lle resta de vida útil, aspectos que permiten mellorar a eficiencia do establecemento, e por tanto, logrando un importante aforro de tempos e custos”, precisou Alvarellos.
A compañía que ten a súa sede na rúa Illas Cíes, conta na actualidade cun equipo formado por 7 persoas traballadoras, que nun futuro inmediato medrará de xeito considerábel xa que o seu plan de negocio recolle a creación de 12 novos postos de traballo directos e 30 indirectos nos próximos 5 anos.
A alcaldesa explicou que o investimento por parte do fondo Lugo Transforma ascende nesta caso aos 300.000 euros destinados a equity. E dicir, entrando directamente no capital da compañía. Estes fondos irán destinados a aprovisionamentos, á expansión comercial e, fundamentalmente, a internacional e ao aumento do seu persoal. “O apoio ao emprendemento é un piar fundamental da nosa política de dinamización económica, coa que pretendemos expandir o noso tecido produtivo, xerar emprego de calidade e fixar poboación, avanzando así nun Lugo de oportunidades”, apunto a rexedora.
Pola súa banda, Jesús Torres salientou que a iniciativa Lugo Tranforma adquire unha maior importancia estratéxica no contexto económico actual. “As empresas ás que se dirixe o fondo teñen especial dificultade á hora de obter financiamento tradicional debido á súa mocidade e por tanto escaso track record (bagaxe financeira) e cando o fan deben aterse, non só a un contexto macroeconómico onde impera a escalada de tipos de interese, senón que deben facer fronte a uns diferenciais elevados, que compensen a asunción do risco por parte da entidade financeira”.