Lugo Transforma incorpora un marketplace de alugueiro de maquinaria: Equipzilla
xoves, 30 de xaneiro do 2025
Lugo Transforma incorporou unha firma innovadora que aposta pola dixitalización e a economía circular no sector do alugueiro de maquinaria industrial. A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, presentou Equipzilla como nova beneficiaria do fondo local empresarial e de emprego, iniciativa do Concello que busca diversificar o tecido industrial do municipio e promover a creación de emprego de calidade, fomentando proxectos innovadores e sostíbeis. No acto tamén participaron Andrés Pla, CEO de Equipzilla, e Jorge Leiro, analista de investimentos de Torsa Capital.
Fundada en 2020 en Barcelona por Andrés Pla, Equipzilla é o primeiro marketplace español especializado no alugueiro de maquinaria industrial e materiais de construción. A súa plataforma dixital conecta usuarios e provedores, permitindo aforros significativos de tempo e custos grazas á centralización de información sobre prezos e dispoñibilidade.
A compañía tamén desenvolveu un SaaS (Software as a Service) que monitoriza equipos en tempo real, integrando a súa xestión con sistemas ERP e CRM. Este servizo facilita tanto o control operativo como a eficiencia para os alugadores. Ademais, Equipzilla aposta polo reacondicionamento de maquinaria, que prolonga a vida útil dos equipos e reduce as emisións de CO2, fomentando a sostibilidade e a economía circular.
Segundo destacou Paula Alvarellos, "proxectos como o de Equipzilla representan un compromiso decidido pola transformación tecnolóxica e pola sostibilidade, principios que guían o futuro que queremos para Lugo. Este tipo de iniciativas contribúen non só ao desenvolvemento económico local, senón tamén a consolidar un modelo produtivo máis verde e eficiente."
O fondo Lugo Transforma destinou un investimento de 400.000 euros á incorporación de Equipzilla, dirixido a desenvolver novos produtos, mellorar as accións de mercadotecnia, expandir a súa capacidade comercial e contratar novo persoal.
Jorge Leiro, analista de Torsa Capital, destacou que a incorporación de Equipzilla supón para o fondo o fortalecemento dunha das estratexias de xestión máis básicas que é a diversificación sectorial: “Nunca tivemos ata o de agora un marketplace no fondo, menos nun nicho tan concreto, nun vertical tan concreto como é o de maquinaria industrial, o que facilita tamén reducir un dos riscos máis significativos que é o risco de concentración. Equipzilla é o socio ideal para levar a cabo uno dos retos máis importantes que ten o sector, que é precisamente a dixitalización e o aproveitamento das novas tecnoloxías".
Pola súa banda, o director executivo (CEO) de Equipzilla, Andrés Pla, expresou o seu agradecemento polo apoio recibido e destacou que “o investimento en Lugo permítenos consolidar un centro de operacións aquí, na cidade, e onde esperamos captar o persoal, sobre todo de programadores, de frontends, de backends, de xente que nos axude no desenvolvemento tecnolóxico, poder facela medrar na cidade".
O Fondo Lugo Transforma, impulsado polo Concello de Lugo cunha achega inicial de 12 millóns de euros, busca diversificar o tecido produtivo local, fomentar a creación de emprego de calidade e atraer proxectos sustentábeis que “promovan a fixación de poboación”. Ata a data, presentáronse un total de 90 proxectos ao fondo, dos que 13 están en fase de análise ou seguimento. Con 2.610.000 euros materializados en 9 empresas participadas, o fondo ten contribuído á creación de preto de 250 postos de traballo directos no municipio. Estas empresas inclúen LexDigo, Innogando, InVerbis, Techaway, Boldest, Monkey Markets, DosDog, Himikode Tech e, agora, Equipzilla.