Lugo Transforma prepárase para captar dous novos proxectos tecnolóxicos cun volume de máis de 700.000 euros

venres, 12 de setembro do 2025 S. P.

O Concello de Lugo achegou un balance da actividade xerada polo fondo Lugo Transforma. Fíxoo na oitava xuntanza do comité de investimentos, celebrado na sede de Norvento, unha das firmas partícipes na iniciativa, onde foron analizadas operacións “que reforzan a aposta pola innovación e a dixitalización”. Trátase de dous novos proxectos que mobilizan máis de 700.000 euros.
O alcalde Miguel Fernández, que presidiu a sesión, explicou que “Lugo está a captar iniciativas que colocan á cidade na vangarda tecnolóxica e que contribúen a diversificar o tecido produtivo e a crear emprego de calidade, avanzando así cara a un modelo económico máis moderno e sostible. Estamos acadando o obxectivo fixado con esta iniciativa de xerar emprego de calidade e fixar poboación ademais de fornecer o noso tecido produtivo”.
Engadiu que as propostas analizadas pertencen a sectores punteiros como a transformación dixital de procesos empresariais e a aplicación de modelos BIM para a xestión intelixente de edificios e infraestruturas. O rexedor puxo en valor que este tipo de proxectos permiten dar novos pasos na modernización da economía local e engadiu que “apoiar empresas con capacidade de crecemento e internacionalización é a mellor garantía para amentar a emprebilidade estable na cidade”.
Na xuntanza tamén se informou de que as empresas xa participadas por Lugo Transforma crearon ata o momento máis de 30 novos postos de traballo directos en Lugo, consolidando o impacto positivo que esta estratexia municipal está a ter sobre o tecido económico da cidade. Fernández subliñou que “este é un bo exemplo de como a colaboración público-privada pode xerar resultados concretos nun prazo curto de tempo”.
Pola súa parte, Jesús Torres, CEO de Torsa Capital, fixo unha valoración moi positiva da sesión e destacou que o comité foi “moi produtivo, porque permitiu analizar proxectos con gran potencial de crecemento e impacto no tecido económico da cidade”. Subliñou ademais que Lugo Transforma conta cunha “canle de entrada moi activa, con propostas de moito interese, e que a vía de traballo aberta permite seleccionar con rigor aquelas iniciativas máis sólidas e aliñadas cos obxectivos do fondo”.
Lugo Transforma está constituído polo Concello de Lugo e polas compañías Lence, Norvento Enerxía, Torre de Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candelas, Grupo O Progreso e Dmanán, ademais da entidade xestora Torsa Capital, que tamén forma parte como participante. Ata o momento incorporáronse 12 empresas ao portfolio, cun volume total de 4,36 millóns de euros investidos en sectores como a biotecnoloxía, a loxística, a Intelixencia Artificial, a transformación dixital ou a aeronáutica. Ademais, mantívose contacto con 100 proxectos empresariais, dos que 15 permanecen en fase de análise ou seguimento.