Lugo achegará pílulas de coñecemento para emprendedoras

venres, 22 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Lugo, a través das súas edís Rosana Rielo e Ana Prieto, presentou este mércores un innovador programa de formación para facilitar o camiño do emprendemento entre a veciñanza. A iniciativa, que tamén foi dada a coñecer no Edificio de Novas Tecnoloxías pola Fundación CEL (co-organizadora), ten a súa orixe nos Orzamentos Participativos, polo que responde ao interese directo da cidadanía por adestrarse en ferramentas que lle facilite a transformación das súas ideas de mercado en realidades palpábeis e de éxito.
O programa chámase Pílulas de coñecemento para persoas emprendedoras e materializouse polo impulso da asociación Mulleres Empresarias. Trátase dunha das 8 propostas de dinamización e apoio ao emprendemento que pediu a veciñanza no proceso de acción participativa de goberno desenvolvido na Rede, a través da páxina web https://loop.lugo.gal/.
Tal e como explicou Rosana Rielo, trátase de 4 obradoiros de balde, de 15 horas de duración cada un, que se celebrarán de luns a xoves na sede da CEL, na praza de Santo Domingo, en xornada de tarde, a partir do 1 de abril. Cada taller ten un número máximo de participantes de 15 (60 prazas en total), e as inscricións débense realizar a través de www.cel.es. A concelleira, quen agradeceu de novo “a implicación de todos os veciños e veciñas nos Orzamentos Participativos”, puxo en valor a celebración destas pílulas, nas que se desenvolverán as capacidades cognitivas, emocionais e relacionais que precisan as organizacións hoxe en día, e nas que se tocarán temáticas como por exemplo as novas tendencias dixitais da mercadotecnia ou a gamificación, entre outras moitas.
Pola súa banda Ana Prieto, enxalzou o “espírito emprendedor que temos en Lugo”, cousa que se ve reflectida “no éxito que acadan as propostas dedicadas ao emprendemento nos Orzamentos Participativos, que son moitas e variadas”.
Para rematar, Lourdes Pardo, da Fundación CEL, agradeceu ao Concello “a súa sensibilidade por fomentar o emprendemento” e amosou a súa satisfacción por poder celebrar esta proposta, “moi interesante as emprendedoras e emprendedores”, tanto os que xa o son, como os que se preparan para selo.

PUBLICIDADE