Lugo acolle a V Xornada do Proxecto EmprendeTIC

mércores, 23 de setembro do 2009 Raquel Noya

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo vai acoller, este xoves 24, a quinta xornada demostrativa do Proxecto EmprendeTIC, que organiza a Sala de Innovación Tecnolóxica Empresarial da Fundación CEL (SITE) baixo a temática, Traballar con plataformas de portais e xestores documentais, para dar acollida a calquera empresa interesada en dispoñer de plataforma propia na Rede.
Unha plataforma de portais permítelles ás grandes, medianas e pequenas empresas, segundo afirman os responsables da iniciativa, “dispoñer dunha única plataforma na que integrar todas as súas iniciativas web”, asemade, continúan, “serve como repositorio documental corporativo, posibilita o acceso a ela dende fóra da oficina e organiza a comunicación cos empregados, clientes e provedores”. Por outra banda, engaden, “cun xestor documental pódese ordenar, conservar e compartir toda a información que a miúdo se atopa dispersa por distintos departamentos e arquivos”, facilitando o labor dos empregados de calquera empresa ou negocio.
O acto, que dará comezo a partir das 19:00 horas, contará coa presenza, entre outros, de Diego Grande Varela, da multinacional española Tecnocom, e Víctor Fariña Infante e Julián Cerviño Iglesia, da firma galega Queres Tecnologías, que relatarán a súa propia experiencia ao mando de cadansúa consultora TIC onde ofrecen os devanditos servizos.
Logo das súas exposicións, a xornada proseguirá coa presentación de dous casos prácticos de empresas que están a funcionar cun xestor documental no noso país: a asesoría e xestoría Álvarez Real e consultoría técnica integral Proitec.
A xornada rematará co sorteo dun escáner entre os asistentes.

PUBLICIDADE