Lugo acolle unha mostra de Silvia Sánchez que combina pintura, escultura, VR e neurociencia

xoves, 6 de marzo do 2025 S. P.

O Museo Interactivo da Historia de Lugo acolle estes días a exposición Evolución desde a imperfección: Arte, realidade virtual e neurociencia da artista Silvia Sánchez, que estará aberta ao público ata o 30 de marzo e que presenta unha fusión única entre arte tradicional e tecnoloxía de vangarda, ofrecendo unha experiencia inmersiva que combina pintura, escultura, VR e neurociencia. A mostra foi visitada este mércores 5 de marzo pola concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, na compaña da tamén edil Iria Buide.
A proposta está baseada en sete cadros orixinais da artista Silvia Sánchez, dos cales cinco están expostos fisicamente xunto con dúas esculturas. As concelleiras salientaron que o “que fai única esta mostra é a animación dixital destes cadros, que poden ser apreciados en 3D e 360 graos mediante unhas lentes de Realidade Virtual”.
As obras que conforman esta exposición céntranse na figura da muller, transmitindo unha mensaxe de apoderamento. Ademais, a súa linguaxe pictórica, caracterizada pola imperfección e a asimetría, convida aos visitantes a reflexionar sobre a beleza na imperfección e a necesidade de evolucionar coas nosas propias fraxilidades e fortalezas.
A mostra presenta ao público os resultados dun experimento pioneiro a nivel mundial que combina arte e neurociencia. Realizado en colaboración con Tecnalia, este estudo mediu a resposta emocional dos espectadores durante a visualización da experiencia inmersiva, demostrando o impacto positivo da arte na sociedade.
Evolución desde a imperfección: arte, realidade virtual e neurociencia chegou a Lugo despois dunha xira por todo o mundo, formando parte no ano 2023 da Expo City Dubai, "o que destaca a súa relevancia e interese, ademais da innovación deste proxecto", afirmou Maite Ferreiro.
Maite Ferreiro animou á veciñanza a visitar "unha exposición única, unha oportunidade excepcional para experimentar a converxencia entre arte tradicional e tecnoloxía dixital, e reflexionar sobre o papel da arte na sociedade contemporánea".
Silvia Sánchez, nada en Bilbao en 1970, dedicouse profesionalmente á arte hai máis de 15 anos, tras deixar o mundo do dereito. A súa obra, que ten sido exposta en diversos países como España, Portugal, Suíza, México e Emiratos Árabes, reflicte unha profunda análise psicolóxica do mundo da muller.
O proxecto que se pode ver estes días no museo lucense enmárcase nun momento de debate sobre a utilización dos medios dixitais no mundo artístico. Seguindo este fío, Silvia Sánchez considera que a arte tradicional e o dixital "son igual de válidos, convivindo e enriquecéndose mutuamente, para poder transmitir con máis acerto a mensaxe da súa obra ao adaptar a linguaxe a cada público".