Lugo adhírese ao Sistema de Alerta Temperá de Internet
mércores, 29 de novembro do 2023
O
Concello
de Lugo confirmou a semana pasada a súa adhesión ao Sistema de
Alerta Temperá de Internet. Fíxoo con vistas a “reforzar a
seguridade da administración previndo posibles ciberataques”. O
Goberno de Lara Méndez recibiu recentemente a confirmación oficial
da integración da Administración local ao SAT-Inet do Equipo de
Resposta a Incidentes de Seguridade da Información do Centro
Criptolóxigo Nacional (CCN-CERT).
O
Sistema de Alerta Temperá de Internet (SAT-Inet) é un sistema
desenvolvido polo CCN-CERT e que busca actuar antes de que se produza
un incidente de seguridade ou, cando menos, detectalo nun primeiro
momento e reducir o seu impacto e alcance. Este sistema permite a
detección rápida de incidentes e anomalías dentro dunha
administración pública e as empresas de interese estratéxico, e é
un dos servizos prestados polo CCN (Centro Criptolóxico Nacional),
cuxo obxectivo fundamental é contribuír a mellora da
ciberseguridade española.
O
Concello de Lugo explicou que “esta é unha das actuacións postas
en marcha polo Goberno de Lara Méndez, incluídas no Compoñente 11
(Modernización das Administracións Públicas) do Plan de
Recuperación, Transformación e Resiliencia, promovido polo
Executivo central”. Deste xeito, estas actuacións foron
financiadas con cargo ás subvencións destinadas á transformación
dixital e modernización das administracións locais e, no caso do
Concello de Lugo, supuxo un investimento de 366.500 euros.
Tamén
con cargo a esta subvención, financiada ao 100% pola Unión Europea
cos fondos NextGenerationEU, despregáronse outras actuacións para a
modernización das infraestruturas municipais, como a recente
renovación da Rede Wi-Fi Municipal.
Estas
actuacións forman parte do plan de modernización das
infraestruturas do Concello posto en marcha polo executivo de Lara
Méndez. Dende o Consistorio salientan logros como “a renovación
de todo o parque informático municipal” ou “a posta en marcha da
sede electrónica do Concello e da plataforma de licitación
electrónica, que facilita o acceso da cidadanía e empresas aos
distintos servizos municipais, e que continuará coa implementación
doutras ferramentas (renovación integral da electrónica de rede e
comunicacións) e de novas solucións dixitais (renovación da
carpeta cidadá)”.